Thursday 02 de May de 2024

O circuíto Coruña Corre chegará ao barrio dos Rosales o 22 de maio


Hoxe ábrese o prazo de inscrición nesta proba. A carreira de San Pedro de Visma será o 8 de maio

O Concello da Coruña presentou este luns a cuarta proba do circuíto Coruña Corre, que se desenvolverá no barrio dos Rosales o próximo 22 de maio. A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, estivo presente no acto celebrado na praza Elíptica do barrio coruñés.

O prazo de inscrición para as diferentes categorías está aberto desde as 14.00 horas deste luns ata ás 23.59 horas do domingo 15 de maio. O custo para participar nesta carreira é de 3 euros para os maiores de 18 anos, 2 euros para persoas con bonificacións e de balde para os menores de 18 anos. Terán desconto as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidores e posuidoras do Carné Xove.

A carreira absoluta sairá de avenida Manuel Azaña ás 10.30 horas. O percorrido, de máis de 6,4 quilómetros, atravesará o barrio. Haberá seis probas máis de categorías inferiores, que comezarán unha vez rematada a principal. Irán dos 100 aos 2.300 metros.

Circuíto Coruña Corre
A dos Rosales será a cuarta proba do circuíto Coruña Corre, que xa pasou por Matograndee a Torre de Hércules, e pasará por San Pedro de Visma o vindeiro 8 de maio. Para esta última aínda é posible incribirse ata este domingo 1, así como para o circuíto Coruña Corre.

Todas as persoas inscritas ata o de agora no circuíto deberán confirmar a súa participación nesta proba, como recolle o regulamento. Ata o de agora hai 1.400 persoas apuntadas, que poderán competir nas carreiras populares dos próximos meses.

Só é necesario participar en catro probas das sete para figurar nas clasificacións finais. O custo da inscrición no circuíto é de 12 euros para maiores de idade, de 7 euros para persoas con bonificación e de balde para menores de 18 anos. O obxectivo principal é achegar a práctica do deporte á cidadanía a través de probas que percorren os diferentes barrios.

Este é o calendario previsto para o circuíto Coruña Corre:
● VI Carreira Popular de Matogrande (23 de xaneiro).
● X Carreira Popular Torre de Hércules #ImportaEMoito (26 de marzo).
● XIII Baixada Popular Cross San Pedro de Visma (8 de maio).
● IX Carreira Popular Os Rosales (22 de maio).
● IX Carreira Popular Volta a Oza (11 de setembro).
● VIII Carreira Popular Ventorrillo (23 de outubro).
● X Carreira Popular Novo Mesoiro (27 de novembro).
O circuíto Coruña Corre finalizará coa celebración, o 15 de decembro, da gala anual coa correspondente entrega de premios.